Saturday 04 de May de 2024

O festival Resis de música contemporánea volve á Coruña cunha grande aposta internacional


O Concello impulsa este evento que contará nesta edición con numerosas estreas nacionais e internacionais e a presenza da Banda Municipal e a colaboración da Orquestra Sinfónica, con actuacións exclusivas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este luns a quinta edición do festival Resis de música contemporánea, que se realizará na cidade do 21 de abril ao 4 de xuño. Estivo acompañada de Hugo Gómez-Chao, director artístico do festival e da Asociación Cultural Aïs, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Nesta edición dáse un paso importante a nivel internacional, coa presenza de destacadas formacións e artistas. O festival Resis é xa unha referencia no territorio nacional e busca ter agora un maior peso fóra das nosas fronteiras con destacadas incorporacións. Por outra banda, a Banda de Música Municipal súmase ao cartel do festival, no que repite colaboración a Orquestra Sinfónica de Galicia tras o éxito do ano pasado. Ambas as formacións coruñesas participarán en dous recitais especiais e exclusivos para este festival.

Inés Rey destacou o carácter vangardista da cita, que xa está totalmente asentada na cidade, que sempre foi pioneira neste eido, como por exemplo a través da creación do Consorcio para a Promoción da Música. “O festival Resis é un dos eventos de música contemporánea máis destacados do noso país, e conseguiuno achegando a música á cidadanía a través de espazos públicos, singulares, inesperados e inspiradores”, dixo a alcaldesa, durante a rolda de prensa de presentación. Ademais de concertos, esta edición de Resis contará con instalacións sonoras, performances, conferencias, clases maxistrais, encontros e ensaios de portas abertas.

O festival Resis realizarase en diferentes espazos da cidade, algúns tan singulares como a igrexa de Santiago, a das Capuchinas ou o castelo de Santo Antón. Tamén haberá unha proxección na Casa Museo Casares Quiroga, que servirá para integrar a programación do festival cos actos do Ano Internacional María Casares. Haberá catro estreas mundial nesta edición.

Este quinto festival Resis servirá para lle render homenaxe á figura do compositor grego Ianis Xenakis no centenario do seu nacemento. Algunhas das obras deste autor que soarán na cidade serán estreadas en exclusiva no territorio nacional. Xenakis foi un dos compositores máis relevantes do século XX e as súas pezas serán interpretadas en diferentes sesións e por diferentes agrupacións, entre elas a OSG e a Banda Municipal. Tamén destaca a actuación de Arxis Ensemble, nova formación coruñesa, na igrexa de Santiago, interpretando obras de Beat Furrer, un dos compositores vivos máis importantes da música contemporánea.

O propio autor estará na cidade para dirixir dúas estreas en España.
A maioría das entradas son de balde e poden conseguirse a través de Ataquilla e no quiosco da praza de Ourense. Na web do festival están indicados os concertos puntuais que deben reservarse doutro xeito. A programación completa pode consultarse na páxina web do festival Resis.